viernes, 1 de febrero de 2008

Lo que se dijo (3)

David Giraldez David Giráldez:

Elaboraremos a redacción dun novo PXOU coa máxima transparencia e participación veciñal.

Vese o BNG e David Giráldez moi optimista diante das vindeiras eleccións municipais?

Estou convencido que nestas eleccións o BNG incrementará considerablemente a súa representación municipal sen descartar ser a lista mais votada e conseguir a alcaldía. En Nigrán estamos acostumados a que non haxa maiorías absolutas e se formen gobernos de coalición, ademais, a diferenza entre os grupos mais e menos votados nas anteriores eleccións foi pequena, co que calquera grupo que consiga cinco ou incluso concelleiros podería ostentar á alcaldía. Debido á nefasta xestión do goberno do PP-PINN creemos que vai haber unha virada electoral e que o voto ao BNG será o voto útil para conseguirmos ese cambio político que desexan a maioría dos veciños de Nigrán.

Como será a candidatura do BNG e o seu goberno?

O BNG vai presentar a mellor candidatura para Nigrán, renovada respecto ao ano 2003, composta por mulleres e homes coa capacidade, responsabilidade e a honestidade que Nigrán tanto necesita. Será un goberno estable e competente, coas ideas claras, con proxectos de futuro e coa decisión e a determinación política de levalos a cabo.

Que lle ofrece aos veciños e veciñas como alcalde?

Traballo e honradez. Serei un alcalde que gobernarei para todos os veciños e veciñas. Un alcalde dialogante e con sentido común, pero exercendo o cargo con firmeza e decisión, tendo sempre presente que todos os veciños somos iguais e sen distincións e que non pode haber nigraneses de primeira e segunda categoría.

Pode adiantar algunha das liñas do Programa de Goberno do BNG para Nigrán?

As liñas centrais do noso proxecto serán A promoción do emprego, polo que, entre outras cousas, desenvolveremos acertadamente o Parque Empresarial de Porto do Molle. Aproveitar os nosos recursos naturais e paisaxísticos para a promoción do turismo. Nigrán ten que facer unha oferta turística atractiva e non só limitarse á idea de lugar turístico de veraneo de dous meses. Apostar por unha política de vivenda de Promoción Pública acorde coas necesidades reais da poboación.
Os fillos dos nigraneses non deberían verse obrigados a comprar a súa vivenda en concellos limítrofes por ser incapaces de mercar no noso Concello unha vivenda adecuada ás súas posibilidades económicas.
Mellorar as infraestruturas e eficacia dos servizos públicos. Algúns, tan básicos como o saneamento ou a auga, deben chegar a todas as parroquias e barrios. Implicar o Concello na preservación do medio ambiente. Nigrán non pode permitir a destrución da súa costa e dos seus montes a mans dun modelo de desenvolvemento deshumanizado.
Practicar políticas de igualdade para as mulleres, específicas para os mozos, e o benestar social de todos os veciños. En fin, soño cun Concello onde se poda vivir mellor, un Concello democrático, onde a democracia participativa sirva para consensuar as cousas e para acercar a Administración Municipal aos cidadáns.

Cales son os seus compromisos en materia urbanística?

A contratación e redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Urbana, o cal será elaborado coa máxima transparencia e participación veciñal. Debe responder ás necesidades de mellora de calidade de vida de todos os veciños e ao crecemento sustentable e equilibrado de todas as parroquias. Que sexa respectuoso co entorno, pensado para a cidadanía, que contemple dotacións e equipamentos adecuados e que sexa o máis ambicioso posible na reserva de solo para a promoción pública de vivenda.
Respecto ao urbanismo de cada día practicar a transparencia e rigor na xestión urbanística para rematar co amiguismo e o favoritismo sempre presente cando se fala de urbanismo en Nigrán.

Que opinión ten de todo o que aconteceu coa tramitación do PXOM agora retirado?

Foi moi lamentábel. O anterior goberno do PP cos Independentes tramitou un Plan Xeral non pensando nos veciños, senón nos seus amigos e nos grandes promotores inmobiliarios, que nos últimos catro anos se dedicaron a comprar solo rústico. Este solo, no Plan que pretendían aprobar, quedaba moi ben recalificado. Non foron capaces de aprobalo porque os veciños indignados llo impediron e despois se manifestaron masivamente a favor da contratación dun novo Plan libre de toda sospeita de corrupción urbanística. A día de hoxe ese Plan está retirado ata despois das eleccións e está pendente unha denuncia penal da fiscalía contra o alcalde e varios concelleiros do equipo de goberno por tráfico de influencias.
Non sei se finalmente acabarán imputados e xulgados, pero con independencia de como acabe a súa responsabilidade penal, non teño a menor dúbida de que ese Plan fíxose tan só para os grandes promotores inmobiliarios. ¿Ou é que tiveron tanta sorte que compraron 100 boletos (neste caso, poñamos fincas) e lles tocaron os 100?. De ahí a importancia destas eleccións, se teñen maioría os mesmos grupos que pretenderon aprobar o PXOM, aínda que presenten distintas caras, volverán intentar aprobar o mesmo documento facendo tan só pequenas modificacións. No BNG temos as ideas moi claras e se nos corresponde gobernar faremos un novo Plan Xeral para todos os veciños, limpo e libre de sospeitas.

En que medida pode ser positivo o goberno do BNG na Xunta?

Un goberno municipal presidido polo BNG demandar das distintas administracións compromisos para o noso desenvolvemento presentando proxectos interesantes para Nigrán. Sabemos que teremos o compromiso do goberno galego para levar adiante o noso proxecto. O Concello de Nigrán non pode estar en confrontación permanente coa administración autonómica, como fixo o anterior goberno municipal, senón que debe pedir o que lle corresponde desde o diálogo e a cooperación.

Un desexo como alcalde?

Conseguir que todos os veciños e veciñas se sintan orgullosos cun novo Nigrán.


Fonte: web do BNG

No hay comentarios: